Traducir

1 abr 2013

Días Mundiais da Árbore e a Auga


En colaboración coa Deputación de Lugo conmemoramos un ano máis os Días Internacionais da Árbore e da Auga,  
A conmemoración dos Días da Auga e da Árbore, pretende “que os nosos rapaces sexan conscientes dende pequenos da necesidade de preservar o medio ambiente, comezando polo seu hábitat máis próximo, como son as Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Ancares.  Nesta ocasión é a Reserva de Ancares e montes de Navia, Cervantes e Becerreá a homenaxeada.

Actos das xornadas

O Día da Árbore celébrase a nivel mundial o 21 de marzo e o da Auga, o 22, e as actividades desenvolvéronse ambos días. O día 21, os alumnos deron lectura ó libro de contos Viaxe polos ríos e árbores dos Ancares. O libro conta a historia de Pituca, unha pita de monte que viaxa polas terras dos Ancares e vai atopando autores que lle contan pequenos contos relacionados coa xeografía e a natureza da zona. Estes microrrelatos son obra dos escritores Paco Martín, Helena Villar Janeiro, Marica Campo, Agustín Fernández Paz, María Reimóndez, Santiago Jaureguizar, Carmen Blanco, Xabier P. Docampo e Carlos G. Reigosa.
De xeito paralelo a estas actividades traballamos unha unidade didáctica con xogos, manualidades e experimentos para complementar a xornada.
O día 22 foi o momento de plantar unha árbore. Este ano é un bidueiro plantado e regado por primeira vez ás 12.00. Os encargados de plantalo foron os nenos e nenas de 6º, cumprindo así unha pequena tradición do noso colexio de deixar unha árbore plantada antes de marchar para facer os estudios de secundaria.
Chamamoslle á árbore "Marceiro" 







No hay comentarios: